De cando escoitei por primeira vez a Leonard Cohen e máis ….

17 08 2008

Lembro que a primeira vez que escoitei a música de Leonard Cohen foi na primavera do ano 79. Foi nuha sala de festas, non sei o seu nome, situada na antiga carreteira das Xubias, alí por onde no seu día pasaba o tranvia (non turístico) que facía o traxecto A Coruña-Sada, o Siboney, que tiña a súa saída por frente da especulada Fábrica de Tabacos (esto sería un tema de outra anotación). Alí asistimos meu gran amigo Carlos e eu, xunto coas nosas respectivas donas, Cris e María, a unha festa-mitin que celebraba a recén nada coalición Unidade Galega, UG (formada por o Partido Socialista Galego, PSG, o Partido Obreiro Galego, POG e o Partido Galeguista, PG) que se creara para participar nas eleccións estatais e posteriormente nas municipais.

Obraba como mestre de cerimonias o escritor/xornalista Manolo Rivas que era o encarregado de enfiar o acto. Mentres esperábamos que este comezara, aproveitamos para degustar uns “cubatas” e parolar do divino e humano. De súpeto, como música de fondo, escomezóu a soar unha canción, descoñecida para min, que me fixo desconcentrar da conversa. A música era suave e a voz que interpretaba a canción era unha voz grave e semi-rota, cunha cadencia que máis que cantar parecía recitar. Eu non entendía a letra pero o son conxunto de música e voz ían penetrando no meu miolo e máis que atender a conversa atendía a canción.

O meu amigo Carlos é un impenitente coñecedor e coleccionista de música de tódolos tempos. Ten unha  colección de “vellas glorias” da canción que da xenio escoitala. Ámbolos dous compartimos e apreciamos a profundidade e contido da letra da canción da cantante italiana Gigliola Cinquetti (aquela que se deu a coñecer con aquela canción de “Non ho l’età” no festival de San Remo de 1964) , “A monjita me quieren meter”:

… al salir el domingo de misa,

mis galanes conmigo vinieron,

y mis padres que nos

sorprendieron,

a monjita me quieren meter,

ay sí, sí, ay no no…,

que nos deixou unha profunda pegada no noso sentido estético. Pregunteille: Oe quen é o que está cantando esta canción e respondeume: Leonard Cohen. E ise quén é?, volvín a inquerir. O Carlos deume un erudito repaso sobre quen era o Leonard, a canción: “Chelsea Hotel” e a discografía que tiña publicada por aquel entón.

A partires desa data convertinme nun completo “fan” de Leonard Cohen e fun descubrindo que primeiro que cantante e compositor era escritor e poeta e gran admirador de Federico García Lorca, tal que á sua filla púxolle de nome Lorca e tamén compuxo unha canción “Take this waltz” onde fai unha fidedigna versión do “Pequeño vals vienés” que forma parte da obra  “Un poeta en Nueva York” de Federico García Lorca.

Hai un par de semanas, botando una ollada pola sección de libros en língua inglesa da FNAC -coido que é a libraría que máis libros ten nesta língua en toda A Coruña – atopei un libro de poemas de Leonard Cohen, titulado “book of longing” que eu traduciría por “libro do desexo“.

O libro é unha auténtica delicia, mágoa que non estea traducido a nosa língua. Tardou vinte anos en facelo e nel recóllense poemas e debuxos que nos da unha visión do ser e pensar deste poeta/cantautor canadiense.

Gostei moito do poema adicado a Lorca co título “Lorca lives” (Lorca vive) que transcribo:

Lorca lives in New York City

He never went back to Spain

He went to Cuba for a while

But he’s back in town again


He’s tired of the gypsies

And he’s tired of the sea

He hates to play his old guitar

It only has one key


He heard that he was shot and killed

He never was, you know

He lives in New York City

He doesn’t like it though

eu traduciría como: Lorca vive na cidade de Nova Iorque / Nunca retornou a España / Foi a Cuba por un tempo / Pero retornou de novo á cidade / Está canso dos xitanos / E está canso do mar / Odia tocar a súa vella guitarra / Só ten un traste / Ouviu que foi morto a tiros / Nunca o foi, sabes / Vive na cidade de Nova Iorque / Inda que tampouco lle gosta.

Este ano Leonard Cohen anda de xira por todo o mundo e en Galiza quedaremos sen poder ver e escoitar a este gran artista. A TVG non o traerá ó “Luar” do Gayoso nen tampouco o entrevistarán no programa de Piñeiro, namentras na Coruña seguiremos subvencionando ós touros. Todo o mundo o sabe (Everybody knows)

Para quen esté interesado en coñecer máis sobre Leonard Cohen debería consultar “The Leonard Cohen Files





Vai de “blues”

16 08 2008

Non lembro a data,  foi no ano pasado: Pasaba pola rúa Rego d’Auga (ese debería ser nome da rúa se aplicase e A Coruña a Lei de Normalización Lingüistica) e vinme sorprendido por un son que me transportaba cara a Nova Orleans (cidade que teño visto nos filmes). O son viña da zona do Teatro Rosalía de Castro e alí nun dos soportais vexo catro persoas armadas cun banjo, un contrabaixo, unha taboa de fregar e un kazoo. Interpretaban “Wastin’ my time no more”, que traducido ó meu idioma ven dicir, máis ou menos, “Non malgastarei máis o meu tempo”.

Pareime a escoitar e quedei impresionado polo bo son que sacaban dos seus instrumentos xunto coa voz do seu “singer“. Observei que o redor andaba un cámara de televisión,  cunha axudante, facendo tomas de video para o que eu supuxen ía ser un vídeo promocional. Repetiron a interpretación duas veces máis para facer tomas dende diferentes ángulos. Durante todo este tempo a xente que pasaba se paraba a ouvir a interpretación e tamén deixar algún carto no chapeu que o conxunto tiña como medio de autofinanciación.

Chamoume a atención unha picariña (entre dous e tres anos), que estaba na tenda de calzados Rapaciños, toda atenta movéndose ó son da música, e unha vez que esta rematou, pediulle cartos a, que supoño, súa nai para depositalos no chapeu.

Unha vez rematada a actuación/gravación marcheime facendome a pregunta de quenes serían estes rapaces que facían tan boa música. Esta resposta a tiven aproximadamente un mes máis tarde cando no mesmo lugar, e reforzados con máis persoal, estiveron interpretando unha serie de “blues” do seu vasto repertorio.

Nesta súa actuación, ademais de solicitar a contribución para o chapeu, tamén tiñan a venda CD’s coa sua música. Xa teñen publicado catro e a máquina rulando. Dos CD’s puiden sacar o nome deste gran conxunto, coruñés, o seu nome é Miki Nervio & The Bluesmakers.

Se tendes ocasión mercar a súa música, escoitala e sentirédevos transportados a ese mundo do Missisipi inda que sexa, como di o seu “singer” Miki Nervio, en inglés-güachismén. Non malgastaredes nen os cartos nen o tempo.

Miki Nervio & The Bluesmakers interpretando “Wastin’ my time no more”