Non lembro a data, foi no ano pasado: Pasaba pola rúa Rego d’Auga (ese debería ser nome da rúa se aplicase e A Coruña a Lei de Normalización Lingüistica) e vinme sorprendido por un son que me transportaba cara a Nova Orleans (cidade que teño visto nos filmes). O son viña da zona do Teatro Rosalía de Castro e alí nun dos soportais vexo catro persoas armadas cun banjo, un contrabaixo, unha taboa de fregar e un kazoo. Interpretaban “Wastin’ my time no more”, que traducido ó meu idioma ven dicir, máis ou menos, “Non malgastarei máis o meu tempo”.
Pareime a escoitar e quedei impresionado polo bo son que sacaban dos seus instrumentos xunto coa voz do seu “singer“. Observei que o redor andaba un cámara de televisión, cunha axudante, facendo tomas de video para o que eu supuxen ía ser un vídeo promocional. Repetiron a interpretación duas veces máis para facer tomas dende diferentes ángulos. Durante todo este tempo a xente que pasaba se paraba a ouvir a interpretación e tamén deixar algún carto no chapeu que o conxunto tiña como medio de autofinanciación.
Chamoume a atención unha picariña (entre dous e tres anos), que estaba na tenda de calzados Rapaciños, toda atenta movéndose ó son da música, e unha vez que esta rematou, pediulle cartos a, que supoño, súa nai para depositalos no chapeu.
Unha vez rematada a actuación/gravación marcheime facendome a pregunta de quenes serían estes rapaces que facían tan boa música. Esta resposta a tiven aproximadamente un mes máis tarde cando no mesmo lugar, e reforzados con máis persoal, estiveron interpretando unha serie de “blues” do seu vasto repertorio.
Nesta súa actuación, ademais de solicitar a contribución para o chapeu, tamén tiñan a venda CD’s coa sua música. Xa teñen publicado catro e a máquina rulando. Dos CD’s puiden sacar o nome deste gran conxunto, coruñés, o seu nome é Miki Nervio & The Bluesmakers.
Se tendes ocasión mercar a súa música, escoitala e sentirédevos transportados a ese mundo do Missisipi inda que sexa, como di o seu “singer” Miki Nervio, en inglés-güachismén. Non malgastaredes nen os cartos nen o tempo.
Miki Nervio & The Bluesmakers interpretando “Wastin’ my time no more”